O circuíto da Xunta Cultura no Camiño celebra ata o 15 de outubro a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a 149 concellos de toda Galicia no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19. Todos eles son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao abeiro deste programa, que volve contar co patrocinio de Gadis.
Hoxe publícase na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a quinta e última adxudicación destas axudas, que o pasado mes de xullo reformularon as súas bases para abrirse a todos os concellos interesados en acoller esta programación, que en anos anteriores se centraba exclusivamente nos situados no Camiño de Santiago. Con tal fin, incrementouse en máis do triplo a dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando, en consecuencia, 70 municipios máis que en 2019. Deles, 38 incorpóranse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto.
Á falta de que os últimos concellos adheridos configuren as súas respectivas carteleiras, estímase que Cultura no Camiño + ofrecerá arredor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre a seguridade do público, ademais da dos equipos técnicos e artísticos.
Dinamización e descentralización cultural
Búscase así impulsar á contratación de espectáculos galegos, ao tempo que contribuír á dinamización cultural dos municipios da Comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos de Cultura no Camiño +, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. Nestes casos, dispoñen dunha achega de 4000 euros por parte da Xunta (fronte aos 2500 do ano pasado), que asume así o 80% dos custos das contratacións artísticas. Para os municipios de maior poboación, a subvención sitúase nos 4800 euros (3500 euros en 2019), cun incremento ata o 60% na porcentaxe de contratación que asume economicamente o Goberno autonómico.
Destaca igualmente a proporcionalidade en canto á distribución provincial desta oitava edición, con 44 concellos na provincia da Coruña, 37 en Pontevedra, 36 en Lugo e 32 en Ourense.
A programación arrancou xa a mediados do pasado xullo e esta semana cumpre o seu primeiro mes de actividade, durante o que terá desenvolvido un centenar de actuacións en 49 concellos.