Convenio histórico entre Barbanza Arousa e O Salnés para potenciar o turismo náutico

Este mércores pola mañá un catamarán partía da Pobra do Caramiñal, levando a bordo aos representantes da mancomunidade de Barbanza Arousa. Á mesma hora, outro catamarán partía de Vilagarcía transportando aos representantes da mancomunidade do Salnés. Como é lóxico, ambas embarcacións atopáronse no medio da Ría de Arousa. E dese encontro saíu un convenio histórico, que impulsará o turismo náutico cun proxecto vinculado ao Camiño de Santiago.

A idea é promover o Camiño de Santiago a vela a través da iniciativa "Navega o Camiño", que permitirá obter a Compostela navegando un mínimo de 100 millas por mar ata a Ría de Arousa, percorrendo a ruta marítima da Traslatio e seguindo a pé pola ruta tradicional dende Pontecesures a Santiago. Hoxe mesmo partirá un grupo de embarcacións a vela dende máis alá do Cantábrico en dirección á ría de Arousa e Santiago de Compostela, está previsto que o grupo chegue ao seu destino para finais de agosto. Pero segundo explicou o xerente da mancomunidade do Salnés, Ramón Guinarte, o obxectivo é ampliar a cantidade e a orixe deste tipo de viaxes, "lograr que veña xente de todas partes do mundo a gañar o camiño de Santiago navegando a vela".

Pero o valor deste convenio vai máis alá deste primeiro proxecto, marca un precedente na colaboración de ambos marxes da ría en base ao valor común que comparten. Segundo Fátima Cachafeiro, xerente da mancomunidade Barbanza Arousa, "cada unha das mancomunidades ten a súa estratexia, pero é moi importante potenciar ese valor que temos en común, dándolle un valor engadido ás nosas estratexias individuais". 

Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira e presidente da mancomunidade Barbanza Arousa falou fun "feito histórico, un paso importante para encontrar o camiño que debemos ter as dúas partes da ría para potenciar o que realmente nos une e dá sentido a cada un dos nosos concellos". No mesmo senso Marta Giráldez, alcaldesa de Meis e presidenta da mancomunidade de municipios do Salnés, falou dun proxecto que permitirá xerar riqueza a ambos lados da ría, deixando claro que "non somos rivales, somos complementarios".