Cincuenta artistas e grupos galegos grabarán directos no Gaiás para emitir na TVG

Durante as próximas cinco semanas, cincuenta artistas e grupos musicais galegos pasarán polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para gravar uns directos que despois se emitirán na Televisión de Galicia. 

Trátase dunha iniciativa impulsada pola Xunta e bautizada como Galicia Emerxe, que está dotada con medio millón de euros e ten como principal obxectivo dotar de liquidez as empresas da industria musical, así como a ofrecerlles unha nova plataforma de promoción do seu traballo mediante un atractivo formato audiovisual, deseñado para a súa emisión televisiva e a súa posterior difusión en liña.

Nomes tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro comparten programa con artistas que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros.

O espazo musical desenvolverase ao longo de 50 programas duns 40 minutos de duración que, ademais dos concertos, incluirán a intervención dos seus respectivos protagonistas para falar sobre a súa traxectoria e os seus proxectos máis inmediatos.

As bandas e solistas foron seleccionados por unha comisión artística de entre as máis de 700 propostas recibidas, atendendo a criterios como a traxectoria artística, a actividade recente ou a perspectiva de xénero. “De aí, que contemos cunha escolma moi compensada en canto a estilos musicais, a presenza de artistas moi consagrados, dentro e fóra de Galicia, xunto a talentos emerxentes que xa están a dar moito que falar, e as seguintes cifras: 12 solistas femininas e 11 masculinos, e nove grupos maioritariamente femininos das 27 bandas que se subirán a este escenario”, detallou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante a presentación do programa. 

Ademais das 41 axencias de contratación galegas a través das que participan os 50 artistas seleccionados, Galicia Emerxe mobiliza 21 empresas de servizos musicais, así como máis de 20 técnicos de son dos propios grupos. Neste sentido, están implicadas áreas como produción, son, iluminación, realización e edición de vídeo, deseño gráfico e visual, construción efémera, escenarios e estruturas, hospitalidade, backline, comunicación e, especialmente diante da actual situación, seguridade e prevención de riscos laborais para garantir tamén un estrito protocolo hixiénico-sanitario dos equipos artísticos e técnicos.
Os grupos e artistas que pasarán ao longo das vindeiras semanas polo escenario de Galicia Emerxe no Museo Centro Gaiás son, por orde alfabética: A Banda da Loba, Abraham Cupeiro, Alejandro Vargas, Ataque Escampe, Bala, Banda Crebinsky, Blanco Palamera, Boyanka Kostova, Budiño, Caldo, Dakidarría, De Vacas, Eladio y Los Seres Queridos, Faia, Familia Caamagno, Fernando Barroso, Furious Monkey House, Germán Díaz & Benxamín Otero, Ghost Beast, High Paw & Elephant Yards, Holywater, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Luar na Lubre, Marcos Teira, Margarida Mariño, María Toro, Mercedes Peón, Mounqup, Novedades Carminha, Pablo Lesuit, Pauliña, Presumido, Rodrigo Romaní, Santi Araujo, Sés, Silvia Penide, Son Trío, Sumrrá, Susana Seivane, Talabarte, Tanxugueiras, Terbutalina, The Soul Jacket, Triángulo de Amor Bizarro, Wöyza, Xan Campos Trío, Xoana, Xoel López e Zënzar.