A Xunta exclúe Portugal do seu rexistro obligatorio de viaxeiros

A Consellería de Sanidade acaba de actualizar o listado de territorios de obrigado rexistro para viaxeiros que chegan a Galicia, no que como principal novidade desaparece Portugal. Así, a partir de agora os portugueses que visitan Galicia non terán que avisar á Xunta, tampouco terán que dar conta os galegos que se despracen ata o país veciño cando retornen a Galicia. 
Entre o territorio nacional a lista actualizada incorpora Madrid, pero exclúe aos viaxeiros procedentes da Rioxa. Continúan na lista Aragón, Cataluña, Navarra e País Vasco. 
Cómpre lembrar que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 4 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non. Deste xeito, Sanidade procura acadar un diagnóstico máis precoz de calquera infección polo virus, protexendo así a saúde dos cidadáns.

As persoas que visiten Galicia, terán un espazo de tempo de vintecatro horas, desde a súa chegada, para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros. 

Para proporcionar esta información, poderase cubrir o formulario que estará dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A todos os viaxeiros faciltaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela. Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias. Así, por exemplo, no caso de persoas que veñan de territorios cun risco máis alto, independentemente de que teñan sintomatoloxía ou non, podería promoverse a realización dunha proba diagnóstica.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao incio do proceso de venda dos billetes. Así mesmo deberán facelo ás empresas, que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.