O vicepresidente da Xunta e o conselleiro de Economía, Alfonso Rueda e Francisco Conde, mantiveron este xoves un encontro con representantes do ocio nocturno, no que acordaron traballar nun protocolo de reactivación para cando a situación sanitaria permita a reapertura dos locais.
Tanto a Xunta como os empresarios coincidiron en que os locais deben abrirse cando sexa sanitariamente seguro.
Pero a administración comprometeuse a a estudar que as terrazas destes locais podan empezar a funcionar antes da reapertura do seu espazo interior, cumprindo en todo caso as mesmas condicións e horario de peche que teñen as de bares e restaurantes, ao igual que ocorreu durante o proceso de desescalada. A Xunta tamén estudará xunto aos representantes do sector as vías de financiamento dispoñibles.
Cómpre lembrar que o peche dos establecementos de ocio nocturno, isto é discotecas, salas de baile e bares de copas, é unha medida que se tomou no conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, para conter o avance da pandemia.