A partir de mañá non se poderá fumar nas terrazas galegas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo vén de anunciar que a partir de mañá xoves estará prohibido fumar na rúa e en espazos públicos como as terrazas hostaleiras se non é posible garantir a distancia de seguridade. 

A medida tómase por recomendación do comité clínico de expertos en prevención da COVID-19, que lle trasladou ao goberno autonómico que fumar sen limitación nunha terraza con persoas próximas ou camiñando pola rúa supón un risco alto de infección. Coa entrada en vigor desta prohibición, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en tomar unha medida deste tipo. 

Paralelamente, Feijóo tamén anunciou que polo de agora non se restrinxirá a movilidade na área sanitaria da Coruña, aínda que sí se manterán as restricións implantadas  en relación á prohibición do ocio nocturno; limitación das reunións privadas ata un máximo de 10 persoas; redución do aforo ata o 50% nos comercios e hostalería; restrición das visitas e saídas de usuarios de residencias; e peche dos centros de día.

Como novidade, o titular da Xunta avanzou que se intensificará o rastrexo dos casos, cun aumento das PCR e a posibilidade de levar a cabo un cribado aleatorio entre os sectores da poboación máis afectados. A este respecto, cabería a posibilidade de incrementar ata as 1.200 as probas PCR que se realizan na área de Coruña.

Do mesmo xeito, Feijóo sinalou que se solicitará aos concellos e a Delegación do Goberno que, a través das súas policías locais e Forzas de Seguridade do Estado, estean vixiantes e proactivos ante a necesidade de reforzar as medidas de control.

Ademais de todo o anterior, o presidente do Goberno galego trasladou outras dúas medidas que se están a analizar nestes momentos: a posibilidade de restrinxir o número de acompañantes aos enfermos hospitalizados na área sanitaria da Coruña e a posibilidade de ampliar a restrición do ocio nocturno a máis zonas de Galicia.