Do 25 ao 29 de agosto celebrarase en Santiago a 15ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que contará cun formato mixto no que se combinarán as actividades online e presenciais. A Sección Oficial desta edición está composta por quince filmes, nos que destaca a presenza de obras europeas e asiáticas que pasaron por festivais como a Visions du Réel ou DocLisboa. Dez destes filmes terán na MICE a súa estrea española.
A selección ofrece un panorama completo de traballos audiovisuais feitos no campo da etnografía e a antropoloxía visual dos últimos dous anos. Ana Estévez, directora da MICE, apuntou que nesta edición de 2020, a mostra recibiu máis de 1.300 inscricións, das cales se fixo unha selección moi rica que trata temas sociais, culturais e persoais dende perspectivas distintas, que van dende o documental autoetnográfico (Au printemps tu verras), o traballo con material de arquivo (Research/Souvenir - Dialogues) ou a inserción da cineasta na comunidade (Quartier Nomade).
A MICE combinará proxeccións en liña dos filmes internacionais cos pases presenciais dos filmes galegos a concurso na Sección Oficial. Nesta edición, a creación audiovisual galega está composta por Eu tamén necesito amar, de Antonio Caeiro; Hamada, de Eloy Domínguez, e as curtas En la boca de la mina, de Brandán Cerviño, e Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo. Unha presenza galega que se estende ao resto da programación fóra da competición na sección Cinema Bonaval, coa estrea en Galicia de Xoves de comadres, de Noemi Chantada, logo do seu pase polo Festival de Málaga, ou a primicia do documental Dorothé na Vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, o xoves 27 ás 22:00 h. Unha película que segue os pasos, 40 anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70 para atopar as voces que recolleu e descubrir as súas historias de vida.
Durante a presentación do evento Xurxo Couto, deputado responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, recalcou que a MICE "é un festival singular que valora a lingua, a memoria histórica, que lle ofrece aos e ás espectadoras un cinema dende e para unha sociedade máis universal". Tamén destacou a visibilización das miradas das realizadoras, xa que máis dun 50% das películas que se proxectan na MICE están realizadas por mulleres.