A Deputación de Lugo renova o seu apoio para os organizadores de Expomar

A Deputación de Lugo vén de reafirmar o seu compromiso coa Fundación Expomar, asinando un convenio a través do que achega 10.000 euros á esta entidade organizadora de feiras como Expomar e Produart, que contribúen a promocionar o sector da pesca. 

O presidente da Deputación, José Tomé, sinalou que Expomar “xoga un papel moi importante para o dinamismo da economía mariñana e do conxunto de Lugo, e supón un escaparate turístico de primeira orde para dar a coñecer a riqueza de recursos da provincia”. 

O Presidente subliñou que Expomar e Produart “son dúas citas moi importantes na Mariña que xeran novas oportunidades de negocio para o crecemento do sector pesqueiro e do turismo náutico, actividades estratéxicas para o desenvolvemento económico da Mariña e da provincia de Lugo. A Deputación aposta pola pesca e a náutica, polos empresarios do mar e polos profesionais que traballan nel colaborando unha vez máis coa Fundación Expomar”. 

Expomar e Produart son dúas feiras dirixidas a profesionais do mundo da pesca que teñen como obxectivo dar a coñecer as últimas tecnoloxías e innovacións do mercado e produtos do mar. Ambos encontros compleméntanse con xornadas técnicas e encontros empresariais onde se analizan os problemas da pesca e se aportan solucións xunto ás administracións para os profesionais e persoas vinculadas co mundo do mar.