A Agacal imparte dous cursos sobre os queixos galegos con DOP

O Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) acolle o mércores un novo curso (o primeiro está a celebrarse esta mesma tarde) sobre os queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP), dirixido ao persoal de industrias agroalimentarias (ou vinculado a este sector), así como a persoas pertencentes ao eido primario ou transformador. 

Esta acción formativa está organizada pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), sendo impartido polo Departamento de Protección da Calidade Diferenciada desta axencia. 

O curso, que está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, ten unha duración total de cinco horas. No seu programa abórdanse cuestións como as características, calidades e particularidades dos queixos galegos con DOP, os seus procesos de elaboración, os elementos propios de cada denominación, os consellos reguladores e a análise sensorial destes produtos. Cómpre lembrar que na nosa comunidade existen catro queixos con DOP. Trátase de Arzúa-Ulloa, Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro. 

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego -no que se integran estes cursos- é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.