Vilagarcía busca visitantes cunha campaña que xira arredor da auga

O Concello de Vilagarcía de Arousa, a través da Concellería de Turismo, acaba de lanzar unha campaña de promoción turística orientada a "romper tópicos e a dar a coñecer os numerosos e variados atractivos cos que conta o municipio, tanto para as persoas que o visiten como para os propios vilagarciáns".

Baixo o título visitvilagarcía, a campaña conta cun vídeo promocional que usa a auga como elemento conductor e que xa está circulando nas redes sociais, ademais de  cun paquete actividades turísticas sostibles e de proximidade para as que se ofrecen descontos. A temática das actividades vai dende o mergullo e rutas en kayak, a excursións medioambientais por Cortegada e visitas guiadas de carácter histórico e patrimonial, pasando por un obradoiro de marisqueo a pé e por visitas aos xardíns e Pazo de Rubiáns.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, explicou durante a presentación que con esta campaña Vilagarcía adapta a súa oferta turística á “nova normalidade”, deseñando e promocionando unha oferta de actividades perfectamente compatibles coa situación que estamos a vivir e con moito atractivo para quen participe nelas. Trátase dunha oferta ampla, variada, sustentable, respectuosa co medio ambiente e que aproveita todos os nosos recursos, “que son moitos e dun enorme potencial”. O rexedor explicou que “todos estes recursos e toda a beleza que temos en Vilagarcía resultan difíciles de condensar nun vídeo duns poucos minutos, pero coido que o temos resumido moi ben neste audiovisual que leva por título ‘Son da Auga’ e que, collendo a auga, como elemento condutor, repasa todas as posibilidades que o líquido elemento nos ofrece en Vilagarcía. Falamos do máis obvio, que é a Festa da Auga, pero tamén dos deportes náuticos, das rutas marisqueiras, das praias de bandeira azul, do Parque Nacional da illa de Cortegada, da cultura mariñeira, das rutas de sendeirismo, das rutas Xacobeas por mar e terra, dos paseos fluviais, do patrimonio histórico, do viño, das camelias…”

A segunda parte da campaña visitvilagarcía consiste nos prezos reducidos que se ofertarán ata o 15 de setembro determinados días da semana e a determinadas horas para participar nun total de oito visitas, actividades ou rutas guiadas que desenvolven catro empresas do municipio. Para poder ofrecer estes prezos reducidos a Concellería de Turismo asume a parte do custe do billete que se rebaixa, para o cal asinou un convenio coas empresas participantes: Corticata, Náutica Medusa, Amarcarril e Pazo de Rubiáns, “todas empresas do muncipio, co que seguimos incidindo na campaña “Son da Casa” posta en marcha para reactivar a economía local tras a pandemia do Covid”, explicou o edil de Turismo, Álvaro Carou.

A oferta componse da ruta histórica e ambiental “As Orixes de Vilagarcía”; a ruta interpretativa histórico- cultural “Un paseo pola historia e pola cultura de Vilagarcía”; a “Visita á Illa de Cortegada” de carácter medio ambiental; a “Ruta Xacobea e Remonte do Río Ulla” que aúna espiritualidade, cultura e patrimonio; as rutas lúdico deportivas en kaiak máis visita a guiada a Cortegada; o “Taller de marisqueo nos parques de Carril”, no que se amosará a actividade dun dos sectores produtivos do mar tradicionais e máis característico da cidade; a “Visita guiada ao Pazo de Rubiáns” e aos seus Xardíns de Excelencia, onde se dan a man patrimonio, historia e natureza; e un “Bautizo de mergullo na Ría de Arousa”.