"Ven" é o slogan da nova campaña da Deputación para reactivar o turismo na provincia de Pontevedra. O audiovisual pon o foco na seguridade e na beleza do destino "que foi coidado con mimo durante a crise ata agora en que o turismo xa pode volver".
Con "tres letras que impactan", co obxectivo de reactivar o turismo nacional e de proximidade, apoiar ao sector "que está a facer un enorme esforzo e compromiso co territorio", e escollendo o minimalismo, a simplicidade, a forza e a apelación directa ás persoas, a Deputación de Pontevedra lanza esta nova campaña.
A voz e o rostro da cantante Najla Shami, "conduce un audiovisual que toca as emocións". O vídeo, que tamén desenvolve os hastag "Ven a Rías Baixas, Ven a Pontevedra Provincia", se dirixe directamente ás persoas visitantes "porque chegou o momento de que veñades", lles garante un destino "absolutamente seguro", lémbralles que durante a crise "estivemos a coidar este regalo para ter unha provincia aínda mellor", e pídelles que "agora si, sigan o seu instinto e desfruten dun sitio e dunhas xentes máxicas", dixo a presidenta da Deputación Carmela Silva na presentación do audiovisual.
Bosques, rías, praias, viñedos, fervenzas, faros, pazos e castelos da provincia se unen neste novo audiovisual sobre o que Carmela Silva sinalou "que deixa claro que se queres coñecer e vivir un destino de natureza, fermoso, cunha riqueza patrimonial e unha gastronomía incribles, hai que vir a Rías Baixas, a Pontevedra Provincia".
A presidenta sinalou que esta campaña ten que entenderse tendo en conta o que fixo a Deputación desde o principio da crise sanitaria. "Toda a nosa acción adaptouse ao novo escenario como a campaña "Viaxa mañá" cunha mensaxe de responsabilidade, pensando na seguridade, animando a que aprazasen as súas viaxes, e dicíndolles que nese tempo de peche estabamos a gardar e coidar todos os nosos tesouros para que estiveran aínda mellor cando o turismo puidese volver. E agora, chegou ese momento". Carmela Silva lembrou tamén as iniciativas de apoio ao produto e ao comercio local; campañas como "As Rías Baixas Visítante" ou "Viaxa ao Pasado", e concursos como "Comemos polos Ollos". Igualmente significou o Plan de Reactivación, dotado con 3,5 millóns de euros e o Plan Estratéxico 2021-23 "no que estamos a traballar".
"Ven" continúa a estela de "Sigue o teu instinto", a campaña "que precisamente aposta polo turismo que agora máis se demanda, de natureza, sostible, non masificado e vinculado á cultura. De feito temos toda a programación preparada para que as persoas visitantes tamén poidan desfrutar dela", dixo a presidenta. Está dirixida ao turismo nacional e do norte de Portugal "e con esta liña de novo aliñámonos coa estratexia da Secretaría de Estado de Turismo, desde o inicio da pandemia, de fomentar o turismo de proximidade. Tamén adaptamos a nosa mensaxe aos retos da Organización Mundial de Turismo sobre sustentabilidade, crecemento ético e seguridade"