Un libro contribúe a recuperar a Batalla de Altamira, que terá festa de recreación en 2021

A Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Ames e Brión, está empeñada en recuperar a historia da batalla de Altamira, que considera fundamental para a comarca. Para este ano estaba prevista unha festa de recuperación histórica, que tivo que ser aprazada ata 2021 debido á crise sanitaria. 

Pero o que non conseguir parar o COVID foi a publicación do libro "A batalla de Altamira. A historia dun territorio estratéxico: As Torres de Altamira"", un volume escrito polas historiadoras Mercedes Vázquez e Mª Pilar Rodríguez que tamén forma parte do programa de recuperación e posta en valor das torres e que ao longo de cen páxinas adéntrase nun episodio case descoñecido pero fundamental para a recuperación da memoria da comarca da Maía e da historia galega.

"Con este volume queremos que a historia da Batalla de Altamira e as propias Torres chegue á sociedade e, de maneira especial, á veciñanza de Ames e Brión, concellos especialmente vinculados a este episodio histórico e ao monumento ao que se refire", sinalou o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Luís Penas.

"A pandemia fixo que fose necesario cancelar a festa de recuperación histórica que estaba prevista mais contamos con que o ano que vén inauguremos esta celebración da nosa historia á que queremos convidar a toda a veciñanza da comarca e tamén a quen gusta de participar neste tipo de encontros festivos que se organizan arredor da nosa historia", explica Xosé Luís Penas.

O coronavirus obrigou tamén a cancelar a celebración prevista para a presentación e difusión do volume que quedou adiada para setembro cando, ademais do acto oficial coas autoras, se organice unha festa con concerto nas propias Torres de Altamira.

"Consideramos que este libro é o punto de partida para empezar as actuacións no entorno das Torres que é un proxecto que acariñamos especialmente desde a Deputación da Coruña para o que contamos coa colaboración dos concellos de Brión e Ames porque consideramos que é fundamental non só para a recuperación histórica senón para a dinamización turística e económica da comarca", explica Xosé Luís Penas.

No prólogo do libro, Xosé L. Penas Corral apunta que "o proxecto de conservar e coidar as torres é unha realidade que agardamos resolver no 550 aniversario da Batalla de Altamira, batalla que terá o que até agora non tivo: unha lembranza merecida e necesaria, unha lembranza que sitúe o seu nome na memoria dun País á altura doutros moitos escenarios xeográficos arredor do noso territorio".