Todo preparado para os fogos do Apóstolo, que se lanzarán dende oito puntos de Santiago

Esta noite a capital de Galicia vivirá unha das súas noites máis emblemáticas, cuns fogos do Apóstolo que resistiron a pandemia e se lanzaran a partir das 23:30 dende oito puntos da cidade para "evitar aglomeracións e para permitir ao mesmo tempo que os puidesen o maior número de composteláns e compostelás". 

En concreto, os fogos lanzaranse dende Santa Susana (Alameda), Cidade da Cultura, parque Carlomagno (Fontiñas), parque Luis Pasín (Conxo), Granxa do Xesto (Pedroso), A Almáciga, parque Eugenio Granell e Monte de Deus (Vite). Moitos veciños da cidade poderán velos dende as fiestras das súas casas. 

Dende a Pirotécnica Zaragozana, encargada dos fogos, anuncian  un espectáculo cargado de "ritmo, variedade, potencia, luminosidade e brillantez". A cadencia dos disparos será moi curta, para poder obter un ritmo alto de explosións e así manter o fogo constantemente no ceo. 

Ao longo dos 20 minutos do espectáculo empregaranse 4.264 unidades de disparo (533 por punto), utilizadas en 504 fases de disparo (63 por punto). Empregaranse 1.474,48 quilogramos de masa pirotécnica (184,31 por punto), cos que se crearán efectos como tronos, mosaicos, dalias, aneis, intermitencias, crisantemos, crepitantes, estrelas, ovos de dragón, volcáns, medusas, peixes, sorrisos, corazóns, apagados, abellas, cabeleiras, cambios de cores, pistilos, etc.