Santiago reunirá nunha web a súa oferta de turismo familiar

Dende Turismo de Santiago están preparando unha nova ferramenta telemática que estará dispoñible antes de que remate o mes e que permitirá que as familias que visitan a cidade poidan coñecer nun único espazo web toda a oferta turística dispoñible para elas.

Trátase dun proxecto que afonda na estratexia de captación de turismo familiar, un segmento fundamental para a cidade, especialmente no contexto actual. Con esta ferramenta de balde serán as propias empresas e entidades provedoras de servizos pensados para familias as que poderán cargar a súa oferta na páxina web de Turismo de Santiago, ampliando a súa capacidade de difusión, xa que a web da entidade municipal ten máis de tres millóns e medio de páxinas vistas ao ano.

Neste momento estase comunicando ás empresas e entidades provedoras de servizos turísticos para familias as posibilidades da nova ferramenta, totalmente gratuíta para elas e de uso moi sinxelo. A

Ademais, tamén na liña de mellora da información web, a entidade municipal de promoción turística está actualizando a información sobre restaurantes da cidade. Na nova versión, dun deseño máis claro, os propios restaurantes poderán colgar información sobre a súa oferta, imaxes e vídeos dos seus estabelecementos, e enlaces as súas redes sociais.