Santiago ofrecerá visitas guiadas de balde aos turistas que pasen tres noites na cidade

O concello de Santiago de Compostela premiará aos turistas que visiten a partir do 15 de xullo, agasallándolles visitas guiadas pola cidade que de xeito regular teñen un prezo de venda ao público de 12 euros. 

A única condición para poder acceder a esta promoción é pasar un mínimo de tres noites nun hotel ou pensión da cidade. Se cumpren esta condición os turistas poderán participar nas visitas "Tour Peregrino" ou "Compostela Contada". As visitas terán saída garantida todos os días ata o 31 de decembro, dependendo os seus horarios da época do ano. Dende o 15 de xullo ata o 30 de setembro haberá catro saídas diarias: ás 10:00, 12:00, 16:00 e 18:00 horas.

Trátase dunha iniciativa posible grazas a un convenio firmado entre a Asociación de Guías e Turismo de Santiago, coa colaboración da Deputación da Coruña. Segundo apuntou o concelleiro do ramo, Sindo Guinarte, esta iniciativa enmárcase dentro do obxectivo de captar turismo familiar da Península que viaxe con estadías longas e que poida empregar Santiago como centro para coñecer non só a cidade senón tamén Galicia dun xeito seguro.

Tamén destacou que a iniciativa ten dous grandes beneficiarios: máis de 170 hoteis e pensións da cidade, que terán un agasallo gratuíto que ofrecer ás persoas e familias que se aloxen polo menos tres noites no seu establecemento; e os sectores turístico e comercial da cidade en xeral, xa que aumentar a estadía media nos establecementos da cidade ten unha repercusión económica directa.

Visitas turísticas

O "Tour Peregrino" é unha visita que xira arredor da figura dos/das peregrinos/as e o seu protagonismo na cidade dende o descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago ata hoxe en día. A visita guiada parte da praza de Praterías e pasa por lugares emblemáticos como a praza do Obradoiro, o antigo cemiterio de peregrinos/as preto da capela de San Fructuoso, a rúa de Hortas ou San Martiño Pinario.

"Compostela Contada" consiste nun percorrido polas rúas e prazas principais do Casco Histórico de Santiago, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Na visita alúdese á historia do Apóstolo Santiago, quen xustifica a orixe da peregrinación e o desenvolvemento de Santiago de Compostela. O percorrido comeza na praza das Praterías e pasa polas principais prazas e rúas do Casco Histórico.