Santiago convértese na cidade con máis distincións "Preparados Covid" de toda España

Santiago de Compostela é nestes momentos o destino con maior número de establecementos e servizos distinguidos co recoñecemento "Preparados Covid", que garante o estrito cumprimento das Boas Prácticas Avanzadas do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) para a redución do risco de contaxio no sector turístico,

En total, son 37 establecementos e servizos distinguidos como "Preparado Covid", entre os que se atopan tres aloxamentos rurais, cinco restaurantes, un transporte turístico, dúas oficinas de turismo, dez hoteis e apartamentos turísticos, sete guías oficiais, unha axencia de viaxes e oito comercios

Os establecementos distinguidos son aqueles que implantaron os protocolos definidos nas Boas Prácticas Avanzadas e superaron unha avaliación externa que garante o seu estrito cumprimento, ofrecendo aos seus clientes un servizo máis controlado e seguro dende o punto de vista sanitario.

Nos pasados meses, Turismo de Santiago organizou múltiples videoconferencias para explicar ao sector cada un dos novos requisitos. Tamén trasladou documentación a modo de exemplo para que os establecementos e servizos puidesen adaptarse ás esixencias da nova realidade.

O 9 de xullo, tras someterse as avaliacións externas precisas, Turismo de Santiago enviou ao Comité Extraordinario do SICTED para a Covid-19 a 37 empresas e servizos da cidade. Todas elas conseguiron a distinción "Preparados Covid", convertendo a Santiago no destino con maior número de distincións deste tipo que garanten que os establecementos e servizos seguen todos os protocolos para a redución do risco de contaxios, tanto entre os seus clientes como entre o seu persoal.

Aos establecementos distinguidos neste ciclo Covid-19 envióuselles o diploma e o logo correspondente, no que figura un código QR que, ao escanealo, nos conduce á páxina do SICTED, www.calidadendestino.es, onde consta a información do establecemento ou servizo e a súa condición de "Preparado para Covid-19".