Ruxen os motores do VIII Rally Turístico Terras do Incio

O Presidente da Deputación de Lugo e Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, inaugurou o VIII Rally Turístico Terras do Incio que partiu por primeira vez de Monforte para percorrer a Ribeira Sacra e a provincia ata o vindeiro 14 de xullo e que, por primeira vez discorre integramente pola proncia luguesa. 

Este evento do motor “amosa a todas e todos os participantes a riqueza da nosa cidade, da Ribeira Sacra e da provincia de Lugo, ó mesmo tempo que contribúe a dinamizar a nosa economía, en especial a dos sectores hostaleiro e comercial”, destacou Tomé Roca no acto inaugural. 

Participan 24 vehículos exclusivos de marcas como Mercedes, Jaguar, Aston Martin, Masseratti, Morgan, Porche, Lotus ou Ford, chegados de diferentes puntos de España así como tamén de Portugal e Francia.

José Tomé recordou que a Ribeira Sacra é finalista á declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, “un recoñecemento que estou seguro de que vai conseguir o vindeiro ano 2021, como tamén aspira á declaración de Reserva da Biosfera. Por iso, quero pedirvos que dende hoxe sexades embaixadores das nosas terras, que difundades o seu encanto e a súa beleza, pois así unirédesvos ó noso proxecto común de acadar este prestixioso recoñecemento, algo que estou seguro que conseguiremos entre todos”.

Ademais de Monforte e da Ribeira Sacra, os participantes neste Rally Turístico tamén visitarán a Serra do Courel, as terras do Incio, a cidade de Lugo, a Terra Cha, Meira, Portomarín ou Vilalba, para disfrutar do rico patrimonio paisaxístico, patrimonial, gastronómico e cultural da provincia de Lugo.