Ribeira terá un novo auditorio que dará servizo a todo o Barbanza

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, asinou este xoves un convenio de colaboración co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que permitirá a construcción dun novo auditorio no concello e que dará servizo a toda a comarca do Barbanza. 

Está prevista unha inversión de 400.000 euros durante os próximos tres anos. O novo edificio terá unha sala principal cun aforo de 512 persoas, servirá como auditorio, sala de usos múltiples ou sala de teatro, posibilitando a realización de actividades de dramaturxia, concertos, recitais ou conferencias.

A nova infraestrutura disporá, ademais, dunha sala adicional independente para usos variados que requiran menor espazo e albergará unha sala de ensaios que comunicará directamente co escenario. Para o deseño formulouse un procedemento de contratación de concurso de ideas, co fin de concibir unha proposta singular e funcional, en sintonía coas liñas arquitectónicas do novo mercado municipal ou da nova lonxa.

Preténdese, así mesmo, completar a actuación co tratamento dunha área verde contigua para favorecer a integración do novo edificio co espazo público, creando así un ámbito social no corazón do núcleo urbano, destinado ao lecer dos cidadáns que evitará a necesidade de viaxar a outros municipios para esta finalidade e favorecerá a integración de barrios periféricos no espazo urbano.