A Xunta pon en marcha alberguesxacobeo.gal, unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago, ofrecendo así maiores garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario. A través dela os usuarios teñen acceso a un buscador con todos os establecementos da rede pública mediante o cal poden efectuar a súa reserva e no que tamén é posible localizar os albergues en función da ruta na que estean situados.
O sistema facilitará as reservas desde o día anterior ata as 13,00 horas do día de pernoita, o que convivirá coa posibilidade de obter praza ao chegar ao establecemento sempre que este dispoña de capacidade, facendo así compatible este sistema co espírito máis tradicional de acollida xacobea. Ademais, a través desta plataforma é posible realizar reservas para grupos de ata cinco persoas. Non é preciso rexistrarse, aínda que esta aberta esta opción para axilizar o proceso.
Para reservar a súa praza, os usuarios deben completar o seu nome, correo electrónico, data da reserva e, de xeito opcional, un teléfono de contacto. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta enmarcada no programa Camiño Seguro para facilitar a peregrinación na etapa poscovid-19 cunha maior certeza e seguridade.
Inicialmente abriron as portas preto dunha trintena dos 70 albergues públicos –aqueles que contan con máis do 50% do total de prazas de aloxamento das que dispón o concello neste tipo de establecementos– aos que se irán sumando novas aperturas en función da demanda e a oferta. Trátase dunha decisión consensuada cos axentes implicados co obxectivo de favorecer a reactivación do sector privado tras os meses de inactividade a causa da crise do coronavirus.
Os establecementos privados dispoñen dunha capacidade máxima do 75%, mentres que nos públicos é de ata o 50% co obxectivo de fomentar a reactivación económica do sector tras os meses de inactividade a causa das restricións por mor do coronavirus.