Os pinceis non paran de crear no Rexenera Fest


A sexta edición do Rexenera Fest, que se está a celebrar ata o 26 de xullo de 2020 avanza a toda vela cos seis muralistas que deixarán candansúa obra para este crecente museo ao aire libre. O proxecto pretende reunir cada ano o mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana, para así facer da nosa vila un gran museo ao aire libre que irá medrando ano tras ano. 

O festival serve como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, que sitúa no mapa a vila a través das súas rúas e favorece un turismo cultural diferente na zona urbana do concello. Nesta edición os artistas e as artistas convidadas son XOANA ALMAR (Galiza), SABEK (Madrid) ELISA CAPDEVILA (Galiza), RESKATE STUDIO (Euskadi / Cataluña) e SOKRAM (Galiza)

Rexenera Fest actúa en cada edición como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utiliza as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. Rexenerando espazos deteriorados, achegándolle valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizando o tránsito peonil e expandindo os espazos de lecer nas zonas nas que se está a intervir.

Durante unha semana, outro ano máis os/as artistas participantes están traballando en distintas localizacións, ás que os veciños, veciñas e visitantes poderán achegarse e apreciar a habilidade e todo o proceso artístico de cada obra.