Os guías oficiais de Galicia retoman a súa actividade

Onte foi un día de retornos e reaperturas, que entre outras cousas marcou o retorno á actividade dos guías de turismo de Galicia, despois dun duro confinamento que moitos aproveitaron para formarse e para prepararse coa adopción das medidas precisas para traballar de forma segura nesta nova realidade, aplicando os novos protocolos de hixiene nas nosas visitas e contribuíndo a facer de Galicia un destinos seguro.

Volven co obxectivo de facer visitas en todos os recunchos de Galicia de forma segura e de forma sustentable, de "ser os mellores embaixadores de Galicia ante as xentes e os peregrinos que nos visitan".

Para reivindicar a profesionalización deste colectivo e a figura do guía profesional, do guía oficial, do guía preparado e do guía responsable coa súa contorna e os seus habitantes, os paraugas amarelos volveron facer a súa aparición sincronizada en Vigo, Pontevedra, Santiago, Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense, seguindo a convocatoria conxunta con CEFAPIT (Confederación Española de Asociación de Guías de Turismo).

Ademais, a asociación APIT Galicia acaba de asinar un acordo de colaboración coa Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) para premiar aos visitantes que se aloxen este verán nas nosas casas de turismo rural cun bono gratuíto para incorporarse ás nosas visitas nas 7 cidades de Galicia. Unhas visitas que tamén están abertas a todos os visitantes e que se desenvolverán de forma regular todo o verán.