Os festivais das Rías Baixas reinvéntase para este verán

Os festivais das Rías Baixas non se resignan á suspensión total por mor da crise sanitaria, senón que apostarán por novos formatos e propostas para manter a súa continuidade neste ano, cara á recuperación total dos seus contidos e o seu “rexurdir” no vindeiro 2021, tal e como se anunciou nun acto conxunto de presentación en Pontevedra.

Deste xeito, PortAmérica (Caldas), Revenidas (Vilaxoán, que este ano se chama Revenidas en Conserva), Atlantic Fest (Vilagarcía), SonRías Baixas (Bueu), Sinsal (Redondela) e Vive Nigrán apostarán por novas actividades, entre as que figuran iniciativas turísticas, promocións, concertos en liña ou de pequeno formato que irán anunciando nos vindeiros días, cara a poder recuperar para o ano que vén a esencia dos festivais. 

Consciente da súa importancia para a supervivencia do sector cultural trala crise da pandemia e tamén da repercusión económica que estes festivais teñen para a provincia, a Deputación de Pontevedra decidiu este ano manter a consignación xa prevista para estes eventos e garantir a do 2021, cun investimento total de 450.000 euros (225.000 por cada anualidade). “Temos unha industria musical moi potente e estes festivais son unha referencia que amais xera actividade económico e moito emprego e non podiamos deixar de apoiala; non facemos outra cousa que o que temos que facer como administración”, indicou Carmela Silva, que resaltou tamén a forte ligazón de cada un destes eventos co territorio no que se celebra, “e coa súa paisaxe, a súa gastronomía, co seu comercio de proximidade, as nosas produtoras e produtores e produtoras e co turismo sostible”. “Son festivais _engadiu_ que amais da música son igualdade, son aposta polo territorio, pola diversidade, unha aposta polo medio ambiente e respecto a todas as persoas, algo que os identifica”. 

“O público atoparase con festivais renovados, feitos con máis ilusión que nunca e que neste ano se teñen reinventado coas novas tecnoloxías _apuntou_, que nos permiten seguir facendo concertos e contactando coa cidadanía”. “Vai ser un ano particular, pero con moitísimas iniciativas, cada unha cun lema para identificar o que vai acontecer. O 2020 vai ser un ano de música e o 2021 un ano de máis música”. 

Tanto a presidenta da Deputación como as e os responsables dos festivais amosaron tamén o seu agradecemento ao público, “moi fidelizado” e que en gran número segue a manter as súas entradas para o ano que vén. Susana Laya, responsable do Atlantic Fest, lembrou que “o sector cultural enfrontouse a diversas crises e amosou que é loitador. Esta crise é diferente porque non coñecemos o inimigo e está sendo especialmente dura connosco” pero, asegurou, “a nosa vocación é a música e especialmente a música en directo, por iso seguimos apostando de forma firme e nos adaptamos para adaptamos con accións culturais que garanten a seguridade de todas as persoas implicadas”. A reinvención dos #RíasBaixasFest pasa por “reducir os formatos en horas e capacidade e por protocolos adaptados á nova normalidade”. Laya sinalou a importancia da “continuidade de todos os festivais, non só dalgúns, porque formamos parte cun tecido que sustenta en gran parte a cultura e do que viven moitas familias”. 

Pola súa banda, o representante de SonRías Baixas, Jordi Lauren, asegurou que “xa superamos moitos retos e xeramos moitas ilusións, pero os retos son diarios e iso fai que aínda non saibamos como nos enfrontaremos á nosa nova normalidade. Estando no mesmo barco, ímolo conseguir”. Lauren lembrou que “os festivais de música con ecosistemas complexos de manexar e de facer subsistir”, e a única maneira de logralo, sinalou, é “convivindo catro factores: territorio, administracións públicas, patrocinios privados e público”.