
Os que se acheguen ao Museo Casa de la Troya terán a oportunidade de seguir as explicacións das guías pola vella pensión de estudantes. Tal como lembra Benigno Amor, presidente da Asociación de Antiguos Tunos Compostelanos, entidade que xestiona o museo “as visitas son guiadas e teñen unha duración aproximada de entre vinte e vintecinco minutos, en grupos de dez persoas máximo”.
O museo inicia tamén o 17 de xullo a actividade dos Venres Troyanos, que se poñía en marcha hai tres anos con grande éxito entre público de todas as idades. Vaise desenvolver todos os venres ata mediados de setembro a partir das 19:00 horas desde a Praza de Mazarelos ata o museo, incluíndo unha visita ao mesmo. Poderán participar 10 persoas con reserva previa, chamando ao teléfono do museo (981 585 159) ou enviando un correo a visitas@lacasadelatroya.gal.
“Trátase de roteiros culturais teatralizados por diferentes rúas e prazas do casco antigo de Compostela, co fin de achegar aos participantes, de maneira amena e divertida, os feitos históricos relativos ao tempo no que transcorre a novela de Pérez Lugín La Casa de la Troya” -explica o director do museo-. Nestes percorridos o guía Suso Martínez caracterízase como o personaxe de Barcala, que representa ao estudante troiano.
Estes roteiros dramatizados pola cidade histórica, realizados coa colaboración da Deputación da Coruña, terán unha duración aproximada de unha hora e media, ata as 20:30 horas. O número máximo de participantes por cada visita será de 10 e ten un custo de 5 € por persoa e 2 € para os rapaces de 6 a 14 anos.
Por outra banda, o Museo Casa de la Troya estrea nova páxina web -www.lacasadelatroya.gal-, cun deseño máis actualizado e con novas funcionalidades para achegar parte da historia compostelá a través do mundo online. O usuario poderá atopar información de utilidade sobre o museo e unha ampla información do edificio que o alberga, da novela, do propio Pérez Lugín, da agrupación musical do museo -Troyanos de Compostela-…e de como colaborar facéndose “Amigo do Museo” (cun custo anual de 15 €).