O luns comeza o xuizo polo Pazo de Meirás

O vindeiro luns 6 de xullo comezará na Audiencia Provincial na Coruña o xuízo pola reclamación da propiedade do pazo de Meirás á familia de Francisco Franco, cumpríndose así unha das demandas da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás que se creou a instancias da Deputación da Coruña co fin de contribuír á xustificación documental e legal para a devolución do inmóbel.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reivindica o labor desenvolvido pola Deputación da Coruña nos últimos catro anos para avanzar no proceso de recuperación do Pazo de Meirás como ben público. A poucos días de que empece o xuízo que pode poñer fin ao espolio da familia Franco no pazo situado no concello de Sada, Regueira destaca que "a Deputación impulsou a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e encargou o informe xurídico que abriu unha vía sólida para reclamar o inmóbel".

"A creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, cos mesmos integrantes con representantes das mesmas institucións que constituíran a Xunta pro Pazo que fora unha ferramenta do franquismo, foi fundamental para avanzar no proceso que levou ao xuízo que comeza o luns e que agardamos sexa o último paso para recuperar o Pazo de Meirás como ben público", sinalou Xosé Regueira, que recoñeceu o papel desenvolvido polas representantes das institucións e entidades que formaron parte da Xunta pro Devolución e, de maneira especial, da que fora vicepresidenta, Goretti Sanmartín, que impulsara tamén accións de difusión como a produción de dúas pezas audiovisuais ou un espectáculo para denunciar o roubo e a intención de utilización do inmóbel para difusión do franquismo.

A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás non só instou aos gobernos da Xunta e o Estado a axilizar o proceso, senón que tamén encargou a dous equipos de especialistas a elaboración dun informe histórico -dirixido polo profesor da Universidade de Santiago, Emilio Grandío, que tivo na orixe a investigación de Carlos Babío e Manuel Pérez- e un informe xurídico que correu a cargo do profesor da USC, Xabier Ferreira que, segundo Regueira, "abriu as portas á liña argumental para asentar unha base sólida de reclamación do pazo, ademais de indicar que, con vistas a súa eficacia, tiña que ser o Goberno central o que iniciara accións xudiciais, como finalmente se conseguiu".