O Festival Bal y Gay, reclamo cultural e turístico da Mariña



O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, destacou o Festival Bal y Gay como reclamo cultural e turístico dos concellos da Mariña. Fíxoo durante a rolda de prensa de presentación deste evento centrado na música clásica que se celebrará en lugares públicos, auditorios e emprazamentos singulares de sete concellos da comarca do 12 ao 24 de agosto. 

O responsable de Políticas Culturais do Goberno galego subliñou a traxectoria desta iniciativa, con máis de seis anos de historia, e incidiu importancia de apostar por accións deste tipo co obxectivo favorecer a promoción e dinamización da Mariña “nun momento especialmente delicado para toda a comarca”. De feito, explicou que o Festival Bal y Gay reúne nun só evento elementos como a música, a cultura, ou a posta en valor do patrimonio cultural. 

Así pois, a iniciativa contará con actuacións de preto dunha decena de intérpretes e bandas de música clásica como a Real Filharmonía de Galicia, o Quinteto InVento, Arcos Iris, o Cuarteto Cosmos, o Cuarteto Quiroga, Hot Chocolates ou Ensemble Bal y Gay. Os recitais terán lugar en lugares públicos, auditorios ou emprazamentos destacados da Mariña como a Catedral de Mondoñedo, a Basílica de San Martiño de Foz, a igrexa de San Francisco en Viveiro, así como na Praza do Concello dos municipios de Trabada, Lourenzá e Barreiros ou no auditorio de Ribadeo. 

Ademais, no marco do festival celebraranse actividades como clases maxistrais, conferencias ou proxeccións centradas tamén na música clásica. 

Accións de apoio á comarca 
O director xeral de Políticas Culturais subliñou o compromiso do Goberno galego coa comarca da Mariña, impulsando e apoiando accións que favorezan a súa reactivación nos eidos da cultura e o turismo. Neste sentido, no eido cultural, lembrou a recente inauguración do Museo de Sargadelos, no municipio de Cervo, centrado na historia da fábrica de cerámica e na figura de Isaac Díaz Pardo. 

No que respecta ao eido turístico, destacou que a Xunta, entre outras accións, duplicará o apoio ao xeodestino para a creación de novos produtos que reforcen a súa imaxe como destino seguro e solicitará ao Goberno de España que A Mariña se converta no primeiro territorio galego no que se poña en marcha un Plan de Sustentabilidade Turística.