O Dolmen de Dombate estrea un ciclo de concertos no patrimonio da Coruña

O Dolmen de Dombate, o mosteiro de Caaveiro, as Torres de Altamira ou o Forno do Forte acollerán este verán unha programación de concertos de pequeno formato acaída aos distintos espazos, unha iniciativa coa que a  Deputación da Coruña quere promocionar e poñer en valor os seus principais bens patrimoniais.

A iniciativa botou a andar a pasada fin de semana co programa "Música na Catedral" en Dombate, cun concerto no que soaron os violíns de Ruslan Asanov e Dasha Pankratova. É o punto de partida dunha liña de dinamización e posta en valor do importantísimo patrimonio da Deputación da Coruña que ten como obxectivo promocionar o patrimonio por medio da cultura ao vivo de maneira integradora", explica o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas.

Os programas veñen acompañados dunha exhaustiva análise en canto á preservación e protección de cada unha das pezas que forman a estrutura dos edificios. Somos conscientes do elevado número de agresións cotiás que sofre o noso patrimonio, algunhas mesmo dende administracións, razón máis que xustificada para que dende a Deputación se traballe aínda con estrita escrupulosidade", explica Penas que, ao tempo indica a necesidade de que a sociedade "admire, coñeza, valore e viva o noso patrimonio recuperando a conexión perdida porque é a herdanza que recibimos das xeracións que nos precederon".

Os concertos, sempre en pequeno formato, queren ser "elemento integrador do patrimonio, a cultura e o turismo". Desta maneira, a programación busca tamén "potenciar as contratacións do sector cultural que padece tamén de maneira directa os efectos da pandemia e é preciso que desde as institucións contribuamos a súa dinamización económica". Ademais, as programacións culturais no patrimonio cumpren escrupulosamente as normas de prevención do coronavirus en canto distancia e medidas de seguridade, con aforos limitados e reserva.

"Somos escrupulosos coas estritas normas de protección, tendo en conta que, neste momento de maneira especial, dous son os puntos de mira á hora de desenvolver este programa, por unha parte o coidado da saúde, cumprindo os protocolos impostos para a prevención da Covid19 e pola outra a protección do patrimonio, con medidas para que non se produza ningún desperfecto ou non se alteren as condicións de conservación como temperatura ou humidade", explica Xosé Luís Penas.
Desde a área de Patrimonio deféndese, desta maneira, unha nova forma de xestión que, ademais de protexer o patrimonio e abrilo ao público, sexa dinamizado con concertos e outras actuacións para aforos limitados. "