O Colexio do Cardeal de Monforte selará as gretas que provocou o terremoto de Lisboa de 1755

A Xunta de Galicia acaba de licitar un investimento de 420.0000 euros para as obras de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública do emblemático Colexio do Cardeal  de Monforte, unha actuación que abordará antigos problemas como as cretas provocadas na igrexa no terrible terremoto de Lisboa de 1755. 

Aínda que estas gretas non comprometen á estabilidade das bóvedas é preciso correxilas. A actuación tamén resolverá os principais problemas de seguridade de uso e funcionamento do edificio, acometendo obras de conservación que eviten un maior deterioro do ben. As obras estenderanse por un prazo máximo de seis meses e resolverán os principais problemas de conservación deste monumento que está en proceso de ser declarado ben de interese cultural.

Forma parte dunha liña de traballo da Xunta de Galicia con vistas a reforzar a Candidatura da Paisaxe cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Universal, a un ano vista da súa presentación, estudo e debate no seo da 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Entre as actuacións previstas atópase o selado da greta do muro do presbiterio e a substitución da cuberta de tella da zona do presbiterio. Ademais, corrixiranse as afeccións detectadas, acometendo a consolidación da bóveda do presbiterio, cunha actuación consistente na recolocación de varias doelas descolgadas próximas ao retablo maior, a reparación de gretas e a posta en carga da bóveda.

Finalmente, restaurarase e porase en valor o pasadizo existente tras o presbiterio cunha actuación específica en todos os seus elementos construtivos, apertura de ocos e execución dunha escaleira exterior de evacuación de incendios; aplicarase un tratamento de desinsectación do pavimento e dos elementos mobles da igrexa, e efectuaranse pequenas actuacións nas carpinterías do tambor da cúpula para evitar a entrada de auga máis importante.

Isto permitirá evitar as filtracións que se están a producir na cuberta do presbiterio e que están a degradar a estrutura da bóveda; arranxar e recuperar o pasadizo que comunica as dúas alas na planta baixa, que se reformou por última vez no ano 1835; reverter a entrada de auga a través das carpinterías do tambor na cúpula, e deter os ataques xilófagos no interior da igrexa que está afectando tanto ao pavimento como a diferentes elementos mobles.

Singularidade da Nosa Señora da Antiga

A construción do Colexio da Nosa Señora da Antiga comezouse a finais do século XVI por iniciativa do cardeal de Sevilla don Rodrigo de Castro, para que, rexentado pola Compañía de Xesús, servira para a educación da comarca e de toda Galicia. Os biógrafos do Cardeal descríbeno como un humanista refinado, amante da arte e mecenas da cultura que nun momento da súa madurez decide crear unha institución filantrópica na cidade da súa infancia, Monforte, e doarlle a súa colección de obras de arte e biblioteca.

O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súas adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.