O Camiño Inglés embelece o seu paso polo polígono do Tambre

Este martes a conselleira de Infraestructuras en funcións, Ethel Vázquez, supervisou xunto a varios concelleiros santiagueses o remate das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés ao seu paso polo polígono do Tambre, que contou cun investimento de 1.840.860,65 euros, e que permitiu acondicionar un tramo de 811 gañando en integración, en visibilidade e en comodidade.

Os traballos permitiron converter unha explanada nun espazo coidado, verde e humanizado. Tamén se incorporou mobiliario urbano, con elementos singulares como luminarias, cubre-contedores, detalles nos bordos ou a disposición da vexetación.

A conselleira asegurou que esta intervención reordenou os espazos, facendo compatible a peregrinación co traballo no polígono e co respecto aos usuarios do cemiterio de Boisaca, deixando este ámbito preparado “para recibir mellor aos peregrinos co acondicionamento integral dun treito de 800 metros do Camiño Inglés”.

Ethel Vázquez asegura que estas obras "forman parte dun proxecto ambicioso e ilusionante emprendido pola Xunta de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago, co obxectivo de preparar a capital de Galicia para acoller nas mellores condicións o Xacobeo 2021”. Para iso a Xunta ten deseñado un conxunto de actuacións de integración paisaxística no Camiño Inglés, ao seu paso polo polígono do Tambre; no Camiño Francés, entre o Monte do Gozo e San Lázaro e na avenida de Lugo; e no Camiño Portugués, en Conxo, ás que destina preto de 10 millóns de euros que se verán complementadas coas actuacións que executa o Concello de Santiago, fundamentalmente na rúa Concheiros.