Ir al contenido principal

O Camiño Inglés bota a andar de novo cun acto simbólico

Alcaldes de varios concellos e representantes da Xunta celebraron esta fin de semana un acto simbólico e unha camiñata para celebrar a apertura do Camiño Inglés e promocionar o seu percorrido como unha opción segura trala crise sanitaria. 

O acto central celebrouse na ponte medieval de Sigüiero, que une os concellos de Santiago e Oroso, antes de que a comitiva se separase para realizar diferentes tramos do Camiño. Contou coa presenzado alcalde de Oroso e presidente da Asociación de municipios do Camiño Inglés, Manuel Mirás, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. 

"Imos andar, pero tamén imos gozar dun entorno seguro para todos", declarou Manuel Mirás. O Camiño Inglés trátase dunha ruta bicéfala, cunha saída da Coruña e outra en Ferrol, encontrándose na aldea das Travesas (Carral), un pouco antes do albergue de Bruma (Mesía).

O vicepresidente da Deputación da Coruña destaca pola súa parte que "a seguridade e o cumprimento dos protocolos vai ser unha das garantías para recuperar os visitantes dunha ruta que é fundamental para os concellos que atravesa".

O titular de Cultura e Turismo da Xunta abundou na explicación lembrando “a necesidade de abrir o Camiño dun xeito seguro para todos” e resaltou o “enorme esforzo” realizado en colaboración cos concellos, a Igrexa, as asociacións de amigos do Camiño e os albergueiros para reforzar a seguridade hixiénico-sanitaria en cada etapa. Finalmente, Román Rodríguez apelou “á ilusión e a sensatez” para chegar a apertura da Porta Santa cos deberes feitos e avanzar sen deixar a ninguén atrás.

Por último, o alcalde de Santiago rematou a súa intervención cualificando a peregrinación a través dos diferentes camiños coma "un valor sólido, estable, un valor polo que podemos apostar, e un valor que nos axuda a integrarnos co resto de Europa, co resto do mundo, pola súa universalidade; pero tamén entre nós. Por exemplo, paréceme moi positivo contar coa Asociación do Camiño Inglés, que nace da propia iniciativa dos concellos".

O Camiño Inglés inicia así a súa andaina tras o estado de alarma con esa camiñada promocional dos 18 concellos que o conforman. Son dúas as variantes que transcorren integramente pola provincia de A Coruña; desde Ferrol pasando por Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago de Compostela. A variante de A Coruña, comeza pola cidade herculina, pasando por Culleredo, Cambre, Carral, Abegondo e Mesía, uníndose aí co itinerario de Ferrol.