Hospeco e o concello da Coruña reivindican a reacción da cidade ante os contaxios do Fuenlabrada

Trala situación de risco xerada na cidade da Coruña pola chegada de xogadores do Fuenlabrada infectados co COVID-19, este mércores a alcaldesa da cidade, Inés Rey, reuniuse co presidente da Asociación Empresarial de Hospedaje de A Coruña (Hospeco), Richard Huerta, corroborando que A Coruña é unha cidade segura e organizada para afrontar perigos como este. 

Huerta sinalou que se ben houbo cancelacións de reservas estes días no hotel onde permanece confinado o equipo madrileño, as persoas visitantes que tiñan pensado viaxar nas próximas semanas seguen firmes na súa decisión, en parte polas declaracións rotundas que realizou onte Inés Rey, que denotan que a cidade está organizada "e que o concello ten as cousas claras".

O responsable destacou o grande esforzo que desde María Pita se está levando a cabo no control de capacidade, no uso das máscaras e na conciencia social e explicou que este verán está sendo moi atípico no que respecta ás reservas nas hospedaxes xa que se confirman nun prazo moi curto de tempo, "polo que non hai capacidade de previsión".

Desde Hospeco esperan que o ritmo se manteña e que continúen escollendo a cidade para pasar as súas vacacións: "O sector está preparado e en ningún momento estamos en contra de que veña xente de fóra. Canto aos xogadores do Fuenlabrada, temos datos obxectivos para nos enfadar, pero cremos que a xente que nos visita simplemente se ten que pór á par da nosa veciñanza. Este é o tipo de viaxeira/o que nós buscamos".

A xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, recordou que Galicia se posiciona este verán como a segunda comunidade elixida polo turismo nacional e que, en concreto, a demanda sitúa A Coruña por enriba de localidades como Sanxenxo. Neste punto, desde Turismo seguirán traballando na campaña Fase A Coruña para reforzar a idea que se ten dela como lugar tranquilo e con todas as garantías de salubridade que se esixen nestes momentos.