
En concreto, os establecementos hoteleiros galego recibiron un total de 56.875 turistas que fixeron 115.952 pernoitas. A Comunidade sitúase así como a quinta con mellores rexistros, por diante da súa posición habitual. Na comparativa interanual, a demanda en Galicia baixou un 86,7%, oito puntos menos que a media española, que caeu un 95%.
O comportamento dos viaxeiros neste mes amosa, ademais, un aumento do tempo que deciden permanecer en Galicia xa que a estadía media medrou un 7,6%. Ademais, a nivel de mercado, obsérvase un destacado comportamento do turismo de proximidade, xa que o mercado interno absorbe case a metade das noites hoteleiras de xuño, cando o ano pasado representaba só o 22% do total.
Desde o pasado mes de maio, coincidindo co progresivo levantamento das limitacións de mobilidade, a actividade turística en Galicia está a dar os seus primeiros síntomas de reactivación. Ademais das cifras de turistas, tamén o demostra o feito de que cada vez son máis os negocios hoteleiros que abren as súas portas. En maio reanudaron a súa actividade 225 establecementos hoteleiros, fronte aos 630 que o fixeron en xuño.