Galicia, Estremadura, Andalucía e Castela e León colaborarán para impulsar a Vía da Prata

Galicia colaborará con Andalucía, Castela e León e Estremadura no impulso e divulgación da Vía da Prata, así como na protección, sinalización, promoción e conservación desta ruta ou no desenvolvemento de accións de cara á celebración do Xacobeo 2021, co obxectivo último de aumentar o número de peregrinos e visitantes.

Así quedou establecido no protocolo firmado este luns en Cáceres polo conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, cos responsables das áreas de Cultura, Turismo e Patrimonio das comunidades polas que transcorre este itinerario xacobeo. 

Durante o acto, o titular de Cultura e Turismo en funcións da Xunta de Galicia manifestou o seu agradecemento pola hospitalidade do Goberno estremeño e sinalou que neste escenario de incerteza “non podemos loitar solos”. “A cooperación non é importante, senón indispensable. Só traballando xuntos e por encima de cores políticas, territorios ou administracións poderemos superar os grandes retos que temos por diante”, sinalou Román Rodríguez.

O acordo asinado en Cáceres inclúe medidas que, segundo o titular de Cultura e Turismo en funcións, “permitirán explotar todo o potencial da Vía da Plata” a través dun traballo coordinado en materia de promoción, cultura, sinalización, protección, así como no marco do Xacobeo 2021. “Estamos ante un acordo de colaboración histórico, xa que non existen moitas comunidades que colaboren de xeito tan estreito por un mesmo obxectivo que non podía ser outro que o Camiño de Santiago”, subliñou o conselleiro.

O documento define a constitución dunha Comisión de Cooperación das comunidades autónomas asinantes e a creación dun grupo de traballo para o impulso de accións conxuntas que permitan a potenciación e a protección da ruta. No seno desta Comisión formaranse dous grupos con representantes de cada unha das autonomías que traballarán por un lado na promoción turística e na programación cultural e, por outro, na defensa e protección patrimonial do itinerario histórico.

Ao abeiro deste protocolo tamén se define un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria asociada aos tramos da ruta, así como a mellor integracións paisaxística dos tramos urbanos.

Ademais, ao protocolo establece o apoio ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago nesta ruta, contribuíndo á constitución dunha Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago da Vía da Prata.