Ferrol rehabilitará a batería baixa do castelo de San Felipe

O concello de Ferrol aprobou este luns o proxecto básico e de execución da rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo de San Felipe para usos expositivos e o deseño do contido expositivo ao abeiro do proxecto MMIAH para a recuperación e valorización do patrimonio marítimo, militar e industrial da Costa Atlántica. 

Os traballos previstos nesta actuación inclúen o picado e encintado de cemento en fachadas, o picado e revocos de cal en mal estado nas bóvedas interiores, a eliminación de elementos descontextualizados (como as instalacións de saneamento na fachada), o desmontado da instalación eléctrica existente, a demolición de fábricas de ladrillos ou bloque descontextualizados, a limpeza dos muros de cantería, a execución da cuberta, a colocación de carpintería de iroko en portas e vidro fixo nas fiestras, a colocación de elementos expositivos, instalación eléctrica e dotación de elementos de loita contra incendios. 

O orzamento co que contarán estes traballos é de 100.000 euros e o seu prazo previsto de execución, catro meses. A actuación xa conta con todos os informes técnicos, polo que a licitación da obra seráinminente.