Fegatur incorpora un motor de reservas á súa web

A Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) vén de renovar a súa páxina galiciaturismorural.es, actualizando a súa apariencia e incorporando un motor de reservas directas coa oferta do turismo rural no noso territorio, grazas ao convenio firmado recentemente coa consellería de Cultura e Turismo. 

O renovado servizo comezou cos establecementos que dispoñen do motor de reservas de RuralGest e, de maneira paulatina, iranse incorporando os establecementos que o desexen e que estean incluídos no REAT da Xunta de Galicia baixo o código TR. (hospedarías rurais, pazos e outras edificacións singulares, casas rurais, aldeas de turismo rural). Así, esta primeira fase da implementación desta plataforma de comercio electrónico, os viaxeiros xa poden consultar a dispoñibilidade de máis de 175 aloxamentos de turismo rural que xa están cargados na plataforma, que xa tiñan habilitado o sistema de RuralGest.

Nunha segunda fase buscarase conseguir a incorporación de todos os establecementos que desexen integrar o motor de reserva para a súa comercialización a través desta plataforma que nace para dar resposta a unha aspiración longamente esperada polo sector, que logra por fin materializarse para integrar nun mesmo lugar toda a oferta deste tipo de aloxamentos turísticos en Galicia.

A aposta por esta plataforma responde tamén ao compromiso coa medida 25 do Plan de reactivación do sector turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19 co que a Xunta de Galicia busca mellorar a competitividade e innovación para a potenciación de plataformas online de comercialización de experiencias turísticas. Neste marco, Fegatur propuxo a creación dunha plataforma de comercio electrónico do turismo rural galego para todos aqueles establecementos rexistrados que agora comeza a ver a luz.

Así, a información e a oferta turística dos geodestinos da nosa terra irase vinculando aos establecementos, achegando unha visión integradora do turismo rural e facendo del a alternativa ideal para o viaxeiro na conxuntura sanitaria actual por segura, personalizada, próxima ás contornas naturais e sen aglomeracións, algo tan demandado agora. Ademais, a plataforma busca ir ampliando a oferta de aloxamentos incluídos coa vista posta no outono, unha estación especialmente importante para este sector, que acolle nesas datas un gran número de viaxeiros atraídos polo enoturismo, a gastronomía e a natureza.