Esta fin de semana inaugurouse en Cervo a primeira fase do Museo de Sargadelos, composta por sete salas expositivas que pretenden poñer en valor “a historia dunha verdadeira icona cultural para toda Galicia” e que, ademais, pon en valor boa parte do legado dun referente como Isaac Díaz Pardo coincidindo co centenario do seu nacemento.
A xoiería, o vidro ou as colaboracións con persoeiros ilustres e grandes ceramistas como Arcadio Blasco, Carmen Perujo, Silveiro Rivas ou Camilo José Cela ocuparán un lugar destacado dentro do novo museo. O proxecto complétase cun túnel pasadizo con pezas dos alumnos que participaron nas experiencias que se fixeron nos veráns desde 1971 e cunha sala adicada ás pezas que se fixeron exclusivas para empresas e ás esculturas de artistas de renome. Quedaría pendente pendente de execución unha segunda fase que inclúe novas salas e a recuperación da casa na que viviu Isaac Díaz Pardo na súa etapa en Cervo.
Na inauguración do novo museo participou o consellerio de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, que asegurou que estamos ante un faro que iluminará A Mariña e toda Galicia, exercendo como un novo atractivo cultural e turístico. “Somos conscientes de que este non é un momento doado para a zona da Mariña, pero precisamente por iso agora é máis importante que nunca poñer en marcha iniciativas como esta, capaces de dinamizar a economía ao tempo que se pon en valor a nosa identidade e legado cultural”, subliñou o conselleiro.
Nesta mesma liña, Román Rodríguez amosouse convencido de que este novo proxecto funcionará como un motor “para impulsar o turismo cultural dentro da Mariña lucense”, xa que permitirá ampliar a oferta de que poderán gozar todos os visitantes nesta zona ao mesmo tempo que se pon en valor algo tan característico da cultura e creación artística de Galicia como é a cerámica de Sargadelos.
O conxunto da fábrica de Sargadelos de Cervo está declarado Ben de Interese Cultural desde o ano 2014. Dentro deste recoñecemento inclúese, ademais da casa de Isaac Díaz Pardo, o edificio circular de Andrés Fernández-Albalat, no que se conxuga a tradición e a modernidade e no que destaca o expresionismo da estrutura de formigón, ou o auditorio e departamento de Arte e Comunicación, creado para converter a fábrica de Sargadelos nun foco de actividade cultural libre, artística, de experimentación formal e investigación arredor do deseño industrial. O conxunto complétase cunha Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, unha piscina descuberta, unha pasarela metálica e unha marquesiña de formigón.