Bosques terapeúticos da Deputación de Pontevedra esgota as prazas

Os baños de bosque do programa "Bosques terapéuticos" da Deputación de Pontevedra colgan o cartel de "non hai billetes". En tan só unhas esgotáronse as 30 prazas para participar nas dúas primeiras rutas por Cabo Udra (Bueu) e Freaza (Fornelos), que botarán a andar os días 18 e 19 de xullo respectivamente.

Esta nova iniciativa turística e sostible desenvolverase este verán ao través de 30 visitas guiadas do 18 de xullo ata o 27 de setembro e repartiranse entre os parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e Costa de Oia e Serra da Groba (Oia). 

O prazo de inscrición para todas as rutas está aberto ata catro días antes do comezo de cada unha delas, a través dun formulario en liña no sitio web da Deputación. En total son 450 as prazas para as 30 visitas. Cada ruta, que durará ao redor de hora e media, conta cun máximo de 15 participantes co fin de garantir a calidade da mesma e respectar as medidas de seguridade sanitaria. 

Os baños de bosque, técnica procedente de Xapón, buscan afondar na natureza para relaxar a mente e reducir os niveis de estrés. Trátase dunha actividade recomendada para todo o mundo xa que ten beneficios para o cerebro ao producir máis felicidade e reducir o estrés e risco de padecer demencia, para os ollos polo seu efecto relaxante e restaurador, para o corazón ao reducir a tensión arterial e diminuír o ritmo cardíaco, para o sistema dixestivo, o sistema inmunitario e tamén para aumentar a esperanza de vida.