As festas do Apóstolo mantense apostando por formatos reducidos e seguros

O concello de Santiago vén de anunciar o programa das festas do Apóstolo de 2020, unhas festas "excepcionais nunhas circunstancias excepcionais" que se celebrarán entre o 17 e o 31 de xullo traendo"propostas para todos os públicos e en formatos máis reducidos e seguros".

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, asegurou que no goberno municipal sempre estiveran convencidos da necesidade de celebrar as festas se as circunstancias sanitarias o permitían por dúas razóns fundamentais: "unha, porque despois de meses de confinamento e desescalada, a cidadanía de Compostela precisa de actividades de lecer e de alternativas coas que volver a esta nova normalidade tamén no eido festivo e cultural; e outra, porque despois de meses de parón, estas festas tamén podían axudar a recuperar o sector cultural, neste caso dando un pulo a artistas locais e de proximidade, complementados con outras actuacións de artistas de máis renome". 

A Praza da Quintana e o Parque de Galeras serán o eixe das actividades, principalmente dos concertos. Polo escenario da Quintana pasarán artistas como Nakany Kanté (venres 17), Aretha Soul Divas & The Silverbacks (sábado 18), Broken Peach (domingo 19), A Banda da Loba (martes 21), TéCanela (mércores 22), Najla Shami (xoves 23), Gaizka Project (venres 24), Xacobe Martínez Antelo Trío (luns 27), Nastasia Zürcher (martes 28), Germán Díaz & Benxamín Otero (mércores 29) ou Ortiga (venres 31). Tamén na Quintana haberá tres xornadas dedicadas á música e bailes tradicionais: o espectáculo "Do blues ao alalá" o luns 20, as Xornadas de Folclore Galego o Día do Apóstolo, e o TradFest que organiza La Voz de Galicia ao día seguinte, domingo 26. E tampouco faltará outro dos concertos máis esperados no Apóstolo, como é o da Real Filharmonía de Galicia, que desta vez se celebrará o día 30 e cun programa dedicado a Beethoven.

O outro espazo principal será o parque de Galeras, onde ademais de concertos, haberá espectáculos de humor e outros para toda a familia. Por alí pasarán artistas como A Banda de Nash, Mad Martin Trío, Lou Reyes & The Rockin Corsarios, o espectáculo familiar Pirilampo, a función teatral de Teatro del Andamio, o monologuista Oswaldo Digón, Colt 45, Andhrea & The Black Cats, Escuchando Elefantes, Agoraphobia, as proposta familiares de Uxía Lambona ou Na Casa de Caramuxo Teatro, o monólogo de Pablo Meixe & Danny Boy Ribera, Triska ou The New Raemon.

Ademais, haberá algún concerto e outras actividades como danza ou performances noutros lugares, como o parque de Bonaval, onde estarán Antía Muíño, 16 mm, Thesaurus, Marcelo Dobode, MounQup ou Ukestra.

Na Alameda poderase desfrutar sobre todo de propostas para toda a familia, especialmente de circo. E no parque de Eugenio Granell haberá un ciclo de cine ao aire libre. Por suposto, non faltarán citas tradicionais coma o Torneo de Chave, o concerto da Banda Municipal, o Día do Traxe Galego, os xigantes e cabezudos (que desta vez se concentrarán na Quintana) ou o Día de Padrón.

Como xa se sabía, os fogos do Apóstolo se lanzarán nesta edición dende oito puntos distintos da cidade, o que "permitirá ver unha estampa especial da cidade esta noite do 24 de xullo". Precisamente por esa distribución, fixo un chamamento a "evitar as masificacións na rúa".