
Así, o Regulamento establece que as características que debe ter o pan para poder acollerse a esta IXP de ámbito galego son contar cunha codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular. Ademais, a súa elaboración ten que ser artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.
A maiores, o produto hase de caracterizar pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.
As pezas de pan amparado poderán adquirir a forma de fogaza, rosca, bolo ou barra. Canto ao sabor e o aroma, o pan distinguirase por ser moi aromático e por contar cun sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido. No tocante á conservación das súas propiedades, a súa forte codia actuará de protección e permitiralle ao produto manter durante horas a súa consistencia dura e crocante, así como a textura esponxosa da miga. Deste xeito, poderase consumir pasadas 48 horas desde a elaboración, ou mesmo despois.
Canto ao Consello Regulador da IXP, consta dunha presidencia e dez vogalías, ocupadas tres por representantes do sector produtor de trigo, dúas por representantes dos muíños e cinco por titulares das panaderías. Este Consello abrirá agora os distintos rexistros, para ter identificadas tanto as parcelas de cultivo e almacéns de gran, como os muíños e as instalacións de elaboración e despacho de Pan Galego, co obxectivo de que este produto amparado poida atoparse no mercado este mesmo ano.
A aprobación do Regulamento e do Consello Regulador da IXP Pan Galego prodúcese despois de que o produto xa quedara incluído no Rexistro Comunitario das Indicacións Xeográficas Protexidas, o que supuxo o seu recoñecemento no ámbito europeo.
A Xunta e o sector agardan que esta medida beneficie un gran número de pequenas panaderías distribuídas por toda a comunidade, nomeadamente nas zonas rurais. Ademais, esta indicación incentivará o cultivo de trigo en Galicia, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores, na recuperación do rural e mesmo para anticiparse aos incendios forestais, ao actuar os terreos de labradío como barreira fronteaos lumes.