Agamin elabora uns vídeos para que os peregrinos sexan respectuosos co Camiño

A Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (AGAMIN) ten en marcha unha serie de accións encamiñadas ao fomento de prácticas ambientais sustentables no sector das augas minerais naturais. Entre estas iniciativas figura a realización de accións dirixidas de maneira directa aos pereginos, co obxecto de sensibilizalos sobre o valor da reciclaxe en xeral, e, en particular, dos envases de auga, para o coidado do medio. 

A Asociación elaborou unha serie de vídeos en castelán, galego e inglés que está a difundir a través das súas redes sociais (facebook e twitter) baixo o lema Coidar o Camiño, responsabilidade de todos. Neles abórdase a relevancia de reciclar os envases de auga mineral, “depositándoos no colector amarelo, asegurándose antes de que a botella está completamente baleira, comprimida e co tapón”. Ademais, peregrinos de diferentes procedencias relatan a súa experiencia no Camiño e inciden na importancia de hidratarse e de coidar o medio. 

O xerente da Asociación, Benigno Amor, salienta que “a auga mineral natural procede de acuíferos subterráneos protexidos de calquera contaminación” e resáltanse as propiedades dos envases. Asegúrase que “son seguros porque protexen a pureza orixinal da auga e manteñen inalterable a súa composición mineral; son resistentes, cunha composición sólida, practicamente irrompibles; cento por cento reciclables; o seu etiquetado permite coñecer a súa orixe, composición e data de consumo preferente; e son lixeiros, posto que o uso eficiente dos materiais facilita o transporte e reduce a pegada de carbono”. 

Respecto ao feito de que as botellas de auga mineral son 100% reciclables, desde a Asociación resáltase que “grazas á reciclaxe, poden converterse en novas botellas ou noutros produtos como camisetas, mochilas, forros polares...”. 

A través destes vídeos amósase a importancia de aprender a hidratarse cando facemos exercicio e, en particular, o Camiño. Nesta liña, saliéntase que a auga transporta e favorece a absorción de nutrientes para ter un rendemento óptimo; axuda a manter a concentración e o rendemento físico; transporta hemoglobina, que contén osíxeno fundamental para o bo funcionamento dos músculos; regula a temperatura corporal, absorbendo a calor e liberándoa por medio da transpiración; contribúe a regular a presión arterial; axuda a lubricar as articulacións, ligamentos, cartilaxe…; e favorece a eliminación de toxinas e outros restos do organismo.