Adxudicada a xestión de CastroDeza para os vindeiros dous anos

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar a xestión integral do "Centro CastroDeza (Gastrodeza): lendas, castros e gastronomía", situado en Lalín. 

O novo contrato conta cun orzamento de 108.900 euros e comprende as actividades relacionadas coa xestión, explotación e mantemento das instalacións do centro, orientado á divulgación e posta en valor da cultura castrexa, as súas lendas e gastronomía conectando a tradición coa paisaxe e a gastronomía

Este espazo, que foi visitado no que levamos de 2020 por máis de mil persoas a pesar do seu peche durante o estado de alarma pola Covid19, ten por obxectivo principal a posta en valor dos recursos endóxenos da comarca do Deza así como o impulso da súa cohesión, a través da promoción do patrimonio cultural e do servizo das novas tecnoloxías da información.

As actividades desenvolvidas neste espazo lalinense xunto coas levadas a cabo nas salas de arqueoloxía do Museo de Pontevedra conforman o denominado Centro Virtual da Cultura Castrexa. Con este proxecto preténdese dar un maior alcance á cultura castrexa conectando a comarca do Deza, unha das que ten máis castros en toda Galicia, co Museo Provincial de Pontevedra no que se atopan materiais arqueolóxicos atopados nas escavacións realizadas nos castros da provincia.