
Máis de 100 empresas dos eidos do aloxamento e as axencias de viaxe, avanzaron xa á Consellería de Cultura e Turismo o seu interese por participar neste programa, que agora poderán formalizar para así ofrecer os seus servizos asociados. Trátase dunha proposta similar ás que se están impulsando noutros destinos españois coa finalidade de favorecer a reactivación deste sector, especialmente afectado tras semanas de inactividade.
O Bono Turístico é unha medida recollida no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, aprobado no Consello da Xunta o pasado 30 de abril. Dito plan conta cunha dotación de 58M€ para, entre outras medidas, apoiar a viabilidade do tecido empresarial potenciando a competitividade e favorecendo a súa adaptación aos novos requirimentos de seguridade sanitaria, a posta en marcha de novos produtos e solucións enfocadas ao escenario covid-19. Búscase así apoiar un sector que supón máis do 10% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e que da emprego a preto de 125.000 persoas.