A Xunta habilita un préstamo-vendima de 60 millóns de euros

A Xunta de Galicia acaba de anunciar que apoia ás denominacións de orixe galegas vitivinícolas con un préstamo de ata 60 millóns de euros para que as adegas poidan mercar toda a uva desta vedima que se aveciña en condicións normais de mercado. 

Os conselleirosde Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e do Medio Rural, José González, reuníronse por videoconferencia cos presidentes e xerentes dos consellos reguladores vitivinícolas de Galicia co obxectivo de explicarlles o funcionamento do préstamo vendima que aprobou o último Consello da Xunta.

A iniciativa busca garantir o futuro do sector do viño da nosa comunidade, unha vez se constatou que apenas recibiu fondos das medidas extraordinarias habilitadas polo Goberno central, segundo o conselleiro de Medio Rural. 

O préstamo vendima forma parte dunha nova liña de financiamento para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola emerxencia sanitaria. O instrumento financieiro deseñase de xeito coordinado entre as consellerías de Economía e do Medio Rural e terá unhas condicións moi vantaxosas no que se refire ao custo financeiro e ao prazo de devolución coa posibilidade de ter un período de carencia de 1 ano e unha amortización de ata 4 anos. 

A maiores, José González aproveitou para lembrar aos consellos reguladores que el mesmo solicitou hai case un mes ao Goberno central que habilitase unha liña específica de préstamos avalados polo Estado a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) para o sector do viño de cara a asegurar a vendima e garantir a compra de uvas aos viticultores en condicións normais de mercado.Así mesmo, recordou que tamén lle plantexou ao Ministro Luis Planas a posibilidade de poñer en marcha unha campaña de promoción específica para o viño que poidan lanzar directamente os propios consellos reguladores. 

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria explicou que Galicia contará con tres novas liñas que veñen completar as medidas que xa están en marcha e que mobilizarán 120M€ entre autónomos, micropemes e pemes. Ademais do préstamo vendima, tamén se activan microcréditos de entre 3000 e 20.000 euros para autónomos e microempresas e préstamos directos de entre 3000 e 200.000 euros ás pemes dos sectores máis afectados pola actual situación económica como o cultural e artístico -fundamentalmente orquestras- e a economía social.