A Vía da prata estrea web



Este martes presentouse oficialmente a web  www.elcaminodelaplata.com, que nace como obxectivo de converterse na interesados en facer o Camiño de Santiago a través deste itinerario que chega a Galicia dende o sur a través de Andalucía, Estremadura e Castela e León. 

Trátase de ofrecer unha plataforma dinámica onde os peregrinos poderán coñecer, aprender e descubrir os segredos dos municipios que compoñen a ruta, as historias reais dos veciños da zona, a idiosincrasia das súas xentes ou os seus tesouros ocultos.

O proxecto está promovido polas catro comunidades autónomas polas que pasa a vía, que presentaron conxuntamente a nova web nun acto celebrado en Mérida. Paralelamente, tamén se anunciou un plan de participación cidadá, onde uns centinelas do Camiño (prescritores, embaixadores e cidadáns), difundirán os valores da Vía da Prata. 

Trátase dunha das primeiras concrecións do protocolo de colaboración asinado este luns entre as catro comunidades, un documento que tamén define a constitución dunha Comisión de Cooperación das comunidades autónomas asinantes e a creación dun grupo de traballo para o impulso de accións conxuntas que permitan a potenciación e a protección da ruta. No seno desta Comisión formaranse dous grupos con representantes de cada unha das autonomías que traballarán por un lado na promoción turística e na programación cultural e, por outro, na defensa e protección patrimonial do itinerario histórico.

Ao abeiro deste protocolo tamén se define un marco de colaboración para impulsar a unificación da sinalización e a mellora da seguridade viaria asociada aos tramos da ruta, así como a mellor integracións paisaxística dos tramos urbanos. Ademais, ao protocolo establece o apoio ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago nesta ruta, contribuíndo á constitución dunha Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago da Vía da Prata.