A Deputación de Pontevedra acaba de facer públicas as súas previsións de ocupación dos aloxamentos da provincia, unha previsión “cautelosa” na que esperan quedarse curtos, tendo en conta a tendencia existente para as reservas de última hora que deixou a crise sanitaria.
En todo caso, a día de hoxe lanzan unha estimación provisional dunha ocupación do 33% para xullo e do 40% para o conxunto do verán nos hoteis da provincia de Pontevedra. Un dato que mellora sensiblamente no caso dos aloxamentos de turismo rural, que conta cunha previsión do 51% de ocupación para xullo e dun 50% para todo o verán.
Aínda que os mellores datos son sen dúbida para as vivendas de uso turístico, que contan cunha previsión do 60% para xullo e do 70% para o conxunto do verán, confirmando a tendencia dos turistas en buscar entornos seguros sen zonas comúns.
En todo caso, a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva quixo facer un chamamento público para animar a todos os visitantes para que reserven nos hoteis da provincia, reivindicando que a xente se pode sentir segura xa que “o sector está comprometido coa seguridade, ten feito un enorme esforzo para que se cumpran todos os requisitos sanitarios”. Como punto para o optimismo, sinala que se están detectando reservas para estadías máis longas e que 2 de cada 3 establecementos prevén unha mellora da situación, que podería traducirse nunhas cifras de ocupación máis alta.
Campaña promocional
Paralelamente, dende a Deputación presentaron a súa nova campaña #Ven ás Rías Baixas, #Vén a Pontevedra Provincia, coa que pretenden invitar ao público nacional e do Norte de Portugal, con reforzo en Galicia, a visitar a provincia, promocionando un turismo de natureza, sostible e non masificado.
Para iso utilizará un novo vídeo, enmarcado dentro da campaña “Segue o teu instinto”, que segundo a presidenta provincial é agora máis vixente que nunca. Neste sentido, Carmela Silva invita a todo o mundo “a visitarnos e descubrir a nosa maravillosa natureza, na costa e no interior. A nosa extraordinaria paisaxe de mar e montaña, pero tamén o noso patrimonio, gastronomía…”.
A campaña proporalle aos visitantes 13 escapadas organizadas, 7 pola costa e e 6 polo interior para facer programas de 2 ou 3 días. Estará dotada con 115.000 euros e dirixida a persoas de entre 35 e 60 anos e a turismo familiar, que viven en entornos de cidades e áreas urbanas de máis de 50.000 habitantes.
Distribuirase en dúas fases, unha primeira de cara o verán en soportes online e offline, que realizará unha forte aposta pola dixitalización, posicionándose en soportes como a SmarTv, e unha segunda de cara ao outono, con presenza en zonas estratéxicas da península e insercións en medios de tirada nacional e redes sociais.