A Deputación de Lugo impulsa a produción de froitos de bosque


A Deputación de Lugo asinou un convenio de colaboración coa Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) para impulsar o cultivo sostible de froitos do bosque na provincia co fin de diversificar a produción do sector primario e xerar valor engadido no rural lucense. No acto participou tamén o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

A través deste proxecto, os profesionais de ASEFOGA establecerán unha parcela piloto demostrativa de froitos do bosque, ofrecerán asesoramento, difundirán información de utilidade e organizarán unhas xornadas técnicas sobre este cultivo.

A Deputación achega 37.000€ para impulsar esta iniciativa, que concorda cos obxectivos da institución para o sector agrario e forestal da provincia. Na sinatura do acordo de colaboración, o presidente da institución provincial José Tomé Roca destacou que “o proxecto de cultivo de froitos do bosque conxuga moi ben coas tendencias de consumo, a demanda real dos mercados e a nosa tradición agrícola”. Engadiu ademais que “é unha iniciativa que tamén concorda coas liñas de traballo que a Deputación impulsa para xerar emprego no rural e frear o abandono dos montes e o despoboamento”.

Neste senso, o Presidente subliñou que a Deputación traballa “da man do propio tecido produtivo, da Universidade e de asociacións profesionais como ASEFOGA por un sector agrario e forestal con capacidade para xerar riqueza, emprego, asentar poboación na provincia e tamén como unha parte fundamental na ordenación do territorio”.

As moras, arandos e framboesas e demais froitos do bosque son na actualidade un produto á alza moi demandado e apreciado polos consumidores para consumo en fresco, como ingrediente culinario ou en produtos cosméticos. O cultivo destes pequenos froitos supón un elevado valor engadido que abre novas posibilidades de aproveitamento do rural e xeración de postos de traballo vinculados á súa recollida, manipulación e comercialización.