A Deputación de Lugo abre o prazo para optar aos seus premios de hostalería e turismo

A Deputación de Lugo abre este mércores o prazo de presentación das candidaturas aos premios Lugo Cambia, cos que se pretende recoñecer o traballo de persoas, empresas e institucións en favor da promoción do turismo e a innovación na hostalería. 

A institución provincial convoca dúas modalidades; o premio Lugo Cambia ao Turismo Lucense e o premio ...E Para Comer, Lugo á gastronomía lucense. Os galardóns, con carácter honorífico, consistirán neste primeiro ano nun diploma acreditativo e nun agasallo. As candidaturas poden presentarse ata o vindeiro 21 de agosto, os premios entregaranse nun acto público o 27 de setembro, Día Mundial do Turismo. 

No caso dos premios Lugo Cambia ao Turismo Lucense recoñecerán a dedicación e traxectoria profesional exemplar de profesionais, colectivos, institucións ou empresas turísticas ou o labor que desenvolvan persoas físicas en calidade de embaixadoras da provincia de Lugo. Tamén premiarán o desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos singulares, novos ou de éxito, de accións de promoción innovadoras ou de iniciativas ligadas ao turismo sostible ou responsable así como a actuacións que contribúan á accesibilidade, física ou intelectual, aos recursos turísticos da provincia de Lugo e accións en materia de recuperación de bens do patrimonio cultural ou natural e embelecemento da paisaxe ou do medio rural ou urbano. 

No caso dos premios …E para comer Lugo, á gastronomía lucense recoñecerase o traballo ou traxectoria exemplar de profesionais, colectivos ou empresas de hostalería, o labor de asociacións produtoras, empresas de restauración, consellos reguladores ou outras entidades na promoción dos produtos autóctonos lucenses. Baixo esta modalidade tamén poden optar aos galardóns as accións formativas dirixidas a profesionais da gastronomía baseadas no uso de produtos locais, accións de fomento do consumo de produtos autóctonos, así como os traballos de investigación ou publicacións científicas ou xornalísticas baseados na divulgación dos produtos locais, na recuperación de receitas, usos ou costumes tradicionais ligados á gastronomía lucense e na proposta de accións que exploren novas fórmulas para a combinación de tradición e vangarda na preparación dos produtos gastronómicos autóctonos.