Workshops para a promoción do destino Rías Baixas nos mercados de proximidade


O goberno de Carmela Silva vén de aprobar hoxe a contratación dos workshops para a promoción do destino Rías Baixas nos mercados de proximidade. A través desta actuación, que ascende a 100.000 €, vanse realizar dúas xornadas de comercialización en mercados emisores de turismo cara o destino Pontevedra provincia, en liña coas directrices marcadas polo Plan de Reactivación do turismo na provincia de Pontevedra avanzadas pola presidenta fai unhas semanas. “Somos moi conscientes das dificultades que está a vivir o sector turístico para reiniciarse, asegurou, e debemos impulsar medidas de apoio para promovelo”.

Os workshops, tal e como explicou Carmela Silva, fanse en colaboración co sector da provincia e permiten concentrar nun mesmo eventos “diferentes actores como operadores de turismo, axencias de viaxe, comerciantes, hoteis e aloxamentos turísticos, transportistas, asociacións, así como tamén bloggers, influencers, medios de comunicación especializados”. Neste caso concreto, os dous workshops que se desenvolverán, impulsados en colaboración co sector privado e co Cluster de Turismo e a través da UTE Abramar-EOSA, terán lugar en mercados de proximidade e mercados emisores tradicionais de turismo, para incentivar a visita segura ás Rías Baixas dende lugares de fácil conexión coa provincia. Tamén apostarase por “eventos mixtos”, que permitan a asistencia de participantes virtuais para garantir a seguridade sanitaria.

Salvamanteis “Sigue o teu instinto”
A pasada fin de semana lanzábase a novidosa iniciativa para promover o destino Pontevedra Provincia e de apoio á hostalería da distribución de 250.000 salvamanteis, que contan con dous códigos QR que permiten ver o vídeo da campaña promocional da Deputación de Pontevedra lanzado para este 2020, así como propostas de iniciativas e actividades a desenvolver na provincia. A presidenta anunciou hoxe que ante a elevada demanda rexistrada por parte do sector da restauración “imos duplicar os exemplares ata os 500.000 e non descartamos unha terceira tirada e chegar aos 750.000”. A distribución farase entre os 100 restaurantes adheridos ao SICTED, “para premiar a excelencia”, pero tamén entre aqueles restaurantes e bares que o soliciten