Unha virxe gótica, "pescada" no río Sar


O patrimonio galego acaba de sumar unha nova peza grazas ao achado fortuito dun pescador no río Sar, unha virxe de sedente de vulto redondo que provisionalmente se ten considerado do gótico galego. 

Membros da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal) deron aviso do e acudiron onte xunto co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, para supervisar a recuperación da peza e seu traslado ao Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde será depositada e estudada en profundidade para determinar o seu valor patrimonial.
O titular de Cultura agradeceu a estreita colaboración e a dilixencia no proceder de APATRIGAL, “que garantan a integridade da peza” na recuperación e traslado da devandita escultura. A peza atopábase no leito do río Sar, nun treito con pouco caudal situado na parroquia de Conxo.

Provisionalmente, os especialistas consultados explican que a obra, realizada en granito, podería encadrarse no estilo gótico galego. A escultura está tallada en catro das súas cinco faces e representa a unha virxe entronizada co Neno. A ambas bandas da virxe, nos seus ombreiros, xorden dous anxos (putti) e, se ben están bastante desgastados, apréciase o rostro e a man de cada un deles suxeitando algún obxecto ou o propio manto da Virxe.

Os investigadores sinalan que se poida tratar dunha talla suspendida, que se situaría embutida nunha parede, quedando na súa practica totalidade ao aire. Esta posibilidade vén reforzada pola decoración que presenta a peza na base, describindo unha flor de catro pétalos central e follas de acanto entrelazadas, que non tería sentido se estivera apoiada noutra estrutura. Obsérvase que tanto a cara da Virxe como a cabeza do neno desapareceron. Probablemente, por un impacto antigo tendo en conta o desgaste dos bordes das arestas da rotura feito co obxecto de desacralizar a peza.