Unha vintena de cervexeiros artesanais galegos únense nunha plataforma de venda conxunta

Cerca de vinte cervexeiros espallados por toda Galicia aproveitaron a cuarentena para "facer piña" e crear unha plataforma conxunta coa que pretende dar a coñecer coñecer e vender conxuntamente as elaboracións feitas en Galicia. 

Chegan coa intención de ofrecer unha nova experiencia gastronómica "de calidade, con sentidiño, de proximidade, orixinal e innovadora en cada rexión", dende a que animan a experimentar novas sensacións, romper con ideas preconcebidas sobre o que é a cervexa e de paso contribuír a "soster pequenas iniciativas que xurden ao longo do territorio, e que aportan valor á nosa terra".

Dentro da nova asociación hai pequenos produtores de tres das catro provincias galegas, espallados dende o Morrazo ata a mariña lucense. Máis polo miúdo, os membros cos que nace a asociación son AleAlé, Aloumiña, A Cova da Serpe, Bubela, Augas Santas, Cervexas Silvestres, La Ferrolana, Domenicus, Misterio Brewing, Nós, Píntega, Meiga, Menduiña, Toupiña, Kel's, Irmaos de lei, Madroa e Xistral. 

Unha gran selección que consigue agrupar á meirande parte dos produtores galegos, moitos deles xa coñecidos e avalados nas catas organizadas dende a revista HGg&T. 

A web da asociación xa está operativa e permite comprar varios packs diferentes que inclúen 12 cervexas cada un e saen por 32€.