Treixadura. Modo Ribeiro, nova campaña promocional da D.O. decana de Galicia

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, a decana das denominacións de orixe de Galicia, lanza a súa nova campaña publicitaria: “Treixadura. Modo Ribeiro”, que ten como novidade a exploración de todos os formatos dixitais dispoñibles na actualidade, como o uso de plataformas como Spotify, influencers ou publicidade en redes sociais, entre outros. 

Trátase dun novidoso enfoque que sitúa a esta denominación no seu conxunto e á súa uva máis representativa, a Treixadura, no foco de todas as miradas cunha idea clara: cando desexas gozar dun momento especial, necesitas activar o “modo Ribeiro” saboreando unha copa de Treixadura do Ribeiro. Activamos o modo Ribeiro que levamos dentro cando gozamos dun Treixadura, cando queremos celebrar, cando nos acompañan as persoas coas que estamos ben e nos sentimos cómodos, cando queremos incorporar un sabor único ás nosas comidas e ceas. 

A campaña conta tamén coa colaboración de personalidades de diferentes ámbitos que encaixan á perfección co público Treixadura: desde artistas a creadores de tendencias, como a ex modelo e deseñadora Laura Ponte, o xornalista de viaxes e influencer Miguel Carrizo, a escritora Alejandra G. Remon, o deseñador de interiores Guille García Hoz, e ilustradoras e artistas como a galega Lara Lars ou Laura Agustín. 

Tamén se lanzou unha web específica da campaña na que, activando o “modo Ribeiro”, ademais de información sobre a uva Treixadura, pódense encontrar diferentes contidos interactivos, como playlists musicais en Spotify, ou materiais descargables, como fondos de pantalla personalizados para o móbil. 

A campaña céntrase nun vídeo principal e tres clips secundarios, un por cada protagonista, nos que podemos ver os diferentes perfís que gozan dun viño Treixadura no seu día a día ou nos momentos especiais. Distribuiranse a través de medios de comunicación online e de redes sociais (Facebook, Twitter, Youtube e Instagram). 

Para a creación e desenvolvemento da campaña, o C.R.D.O. Ribeiro contou con Nasas (www.agencianasas.com), axencia de publicidade situada na Coruña,quen tamén deseñou e desenvolveu a campaña de lanzamento, xunto coa planificación e xestión de medios.